sábado, 21 de diciembre de 2013

Actividade 8: Proxecto da elaboración artesanal do xabón

O día 18 de novembro, dedicamos a clase teórica dos grupos A a falar do traballo por proxectos que está enfocado de cara o tema do xabón.

  • Como nos organizamos para facer a tarefa?
Para levar a cabo esta tarefa, tomamos como referencia o libro de Traballo por Proxecto de Azucena Arias, e fixemos a actividade, seguindo o modelo dos exemplos que aparecen recollidos no libro. É dicir, redactamos o proxecto axudámonos dos apuntamentos que realizamos da clase teórica, pero enfocados a unha clase de educación primaria.

Para iso, tivemos primeiro que ler o que fixeramos durante a clase. 
Despois, buscamos todas as preguntas que nos plantexamos sobre que queremos saber sobre o xabón.
Unha vez localizadas, elaboramos unha táboa para sintetizar mellor toda a información que pescudamos e establecemos para iso, 4 categorías que se corresponden coa composición do xabón, a súa caracterización, a súa fabricación e o seu orixe.
Posteriormente, con toda a información que tiñamos, fomos redactando o traballo distinguindo 3 fases principais:
  1. A fase de preparación na que se realizan os primeiros elementos que conducen a definir o proxecto (introdución do proxecto, estudo das ideas previas, elaboración dun guión).
  2. A fase de desenvolvemento na que se pon en práctica o proxecto coas actividades e tarefas deseñadas conxuntamente (consulta de fontes, tratamento da información e avaliación integrada).
  3. A fase de valoración na que se valora globalmente o desenvolvemento e os resultados do proxecto e onde se realizan propostas de mellora e suxestións de novos proxectos (avaliación final conxunta).
Finalmente, fixemos unha breve conclusión e unha análise exhaustiva que explicaba a programación do proxecto mediante unha táboa que recollía información sobre as competencias que se desenvolvían co traballo, as áreas que interveñen, os obxectivos do proxecto e os contidos que se traballan con el, a temporalización, a avaliación (tendo en conta os instrumentos e indicadores de éxito), os recursos e materiais e fontes probables de busca e, para rematar, os posibles proxectos que poden xurdir deste.

  • Que fixemos durante a clase?
Durante a clase teórica, a profesora nos explicou os pasos a seguir para levar a cabo un proxecto. Eses pasos son os seguintes:

Introducción: neste apartado debemos presentar o tema escollido para traballar durante o proxecto.

Que sabemos? (neste caso sobre o xabón): aquí o alumnado deberá expresar os seus coñecementos ou ideas previas acerca do tema. Para obter esta información pódense facer dinámicas de grupo como por exemplo o folio xiratorio. 
As ideas previas que saíron durante a nosa clase foron as seguintes:
  1. Non se pode comer.
  2. Saen burbullas.
  3. Pode ser de cores.
  4. Ten olor.
  5. Utilízase para a limpeza.
  6. Pódese aromatizar.
  7. Pode ser sólido ou líquido.
  8. Ten diferentes PH.
  9. Fabricouse nos campos nazis.
  10. Ten que ver coa glicerina.
  11. É un composto homoxéneo.
  12. Pica nos ollos.
  13. Fai espuma.
  14. Faise con sosa.
  15. Pódese facer con graxa de porco (animal ou vexetal).
  16. Hai que usalo con auga.
  17. Podemos darlle forma.
  18. Disólvese na auga.
  19. Úsase para lavar o corpo, o pelo, o coche, a roupa, etc.
Que queremos saber?: unha vez realizada a chuvia de ideas, o alumnado deberá facerse preguntas sobre que quere saber máis do tema e que aínda non sabe. Neste apartado cobra especial importancia o interese e a curiosidade dos meniños.
Na nosa clase suscitou dúbida as seguintes preguntas:
  1. Que reaccións acontecen na súa formación?
  2. Como se fai o xabón?
  3. Quen o inventou e cando?
  4. Con que se fai?
  5. Por que fai espuma?
  6. Que ocorre cando reacciona con auga?
  7. Que é o PH?
  8. Que é o xabón?
  9. Por que pica nos ollos?
  10. Por que o xabón de glicerina reseca a pel?
  11. Por que se usa para limpar?
  12. Cales son as súas utilidades?
  13. Que é a glicerina?
  14. Como se facía o xabón nos campos de concentración nazis e por que?
  15. Por que as veces é sólido e as veces é líquido?
  16. Qué se utiliza para darlle cor?
  17. Vantaxes do xabón artesanal fronte o xabón químico.
  18. É o mesmo o xabón de uso para limpeza humana que o de lavar a roupa?
  19. Por que estivo de moda o uso de champo para cabalos para seres humanos?
  20. Por qué ten olor?
  21. Hai fábricas próximas?
  22. Segue aberta a fábrica da Toxa?
Agrupar en categorías o que se quere saber: deberase facer unha agrupación para facilitar a busca da información. Podemos establecer por exemplo as categorías de fabricación ou composición.

Onde buscamos información?: é importante establecer cos alumnos diversas fontes onde eles poidan acceder de xeito sinxelo para obter a información necesaria. Ademais, deberanse facer as prácticas que sexan necesarias para ensinar a buscar ós estudantes en diversas fontes como por exemplo unha biblioteca ou internet. Os lugares que se propuxeron na aula para buscar información son os seguintes:
  1. Preguntas nas casas (familias).
  2. Preguntar en tendas especializadas.
  3. Buscar na internet.
  4. Ler as etiquetas dos xabóns.
  5. Buscar en libros.
  6. Visitar unha fábrica.
  7. Consultar a persoas expertas (profesor, químico, etc.)
  8. Visualizar vídeos didácticos.
  9. Enviar correos electrónicos de consulta a empresas.
Como nos organizamos para buscar a información?: hai tarefas que son xerais e polo tanto realízanse todos xuntos nas aulas, tarefas individuais e tarefas que se poden facer en pequenos grupos de traballo. Debido a isto, é importante establecer unha organización para levar a cabo o proxecto dun xeito ordenado. Cando se traballe por grupos, é conveniente que sexa o profesor o que os estableza e que os vaia modificando para formar grupos heteroxéneos.
Se formamos pequenos grupos de traballo, cada un deles pode especializarse e ir a buscar nunha fonte concreta de información. Non obstante, antes de realizar a investigación e necesario planificala ben para saber qué e onde temos que buscar.

Como organizar a información obtida?: unha vez recollida toda a información, deberá procesarse na clase. Para iso hai que facer unha posta en común onde cada grupo expoña a información que obtivo. Despois hai que contrastar a información de tódolos grupos, seleccionar aquela que nos interesa, sintetizala e reelaborala para así obter un traballo final o máis satisfactorio posible.

Que aprendemos e que nos falta por aprender?: neste último apartado, o alumnado deberá reflexionar e ser autocrítico, para así poder determinar o que aprendeu, as dúbidas que tivo o que ten, e o que aínda lle falta por aprender debido as súas carencias ou a que xurdiron novas cuestións de interese.
Neste último apartado, o proxecto pode dar lugar a outros temas dos que se poden realizar investigacións ou levar a cabo novos proxectos.

  • Reflexións.
Esta actividade foi non das máis complicadas que fixemos, pero si das máis completas, posto que tivemos que elaborar rigorosamente un proxecto e é unha tarefa que nunca fixeramos.

Tivemos dúbidas ó comezo porque non sabiamos por onde empezar nin como enfocar o proxecto. Estabamos entre dúas opcións: facer o proxecto coma se se levase a cabo na nosa aula (cousa que realmente foi certa) pero que nese caso teriamos que inventar o xeito no que xorde o tema (porque foi imposto pola profesora); ou redactar o que fixemos na clase pero coma se acontecese nunha clase de primaria.
Despois de debatelo profundamente, decidimos esta última opción porque é a que se axusta máis o libro que tomamos como referencia e porque nun futuro vamos ser mestres de esa etapa.


Velaquí está o noso traballo rematado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario