sábado, 21 de diciembre de 2013

Comentario persoal da actividade 7

En primeiro lugar quero destacar a complexidade que tivo para min e en xeral para o meu grupo de traballo levar a cabo esta tarefa. Non polo feito de que fose moi difícil, senón porque esta actividade é moi diferente do que estamos acostumados a facer.

Dende que empezamos a estudar esta carreira en primeiro, xa comezamos a traballar co currículum de Educación Primaria e, ata agora era o noso punto de referencia para a maior parte dos traballos que tiñamos que facer.

Non obstante, nunca tivemos a oportunidade de relacionar os distintos elementos do currículum e que, sen dúbida algunha, gardan unha importante relación entre eles, aínda que nós non nos decataramos diso.

Na actividade pedíase que relacionásemos en primeiro lugar distintas competencias (a competencia dixital e a competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico). Posteriormente, tivemos que relacionar unha competencia cun criterio de avaliación e, finalmente, relacionar criterios de avaliación de cada ciclo con actividades complexas.

Para levar a cabo a actividade fixemos o seguinte:
Os dous primeiros apartados fixémolos no laboratorio cando tiñamos os grupos B.

Para o primeiro apartado, escollemos nun principio un parágrafo enteiro da competencia dixital que, segundo nós, era o que máis se axustaba ó parágrafo seleccionado da competencia no coñecementos e na interacción co mundo físico. Non obstante, cando fixemos a posta en común, decatámonos de que seleccionaramos moita máis información da que en realidade precisabamos e, debido a iso, acurtamos o parágrafo seleccionando só as frases que gardaban relación coa competencia anteriormente citada.

O segundo apartado da actividade, tamén o fixemos no laboratorio pouco antes de que a clase rematase, e por iso, non puidemos facer a posta en común por falta de tempo. Non obstante, para realizalo, leemos primeiro o criterio de avaliación que se nos indicaba e posteriormente, coa axuda do currículo, citamos e explicamos a competencias que tiñan relación con el.

O último apartado da actividade dividíase en 3 partes, cada unha correspondente a un ciclo de primaria. A parte dedicada ó primeiro e terceiro ciclo de Educación Primaria comentámolas na clase teórica dos grupos A e, polo tanto, puidemos facer unha pequena posta en común na que algúns dos grupos de traballo expuxeron o realizado na clase. Para terminar a actividade, pensamos e buscamos na internet algunha actividade que puideramos levar a cabo no ciclo indicado, e mediante a cal se conseguise no alumnado aquilo que estaba explícito no criterio de avaliación.

Finalmente, pasamos a rúbrica á actividade, e indicamos os obxectivos que se pretenden acadar con ela, así como tamén unhas conclusións finais da tarefa.

Coa realización desta tarefa, puiden comprender a importancia que ten coñecer a fondo o currículum e saber relacionar os diferentes elementos do mesmo. Así, puiden establecer relacións significativas entre as competencias, os criterios de avaliación e as tarefas ou actividades complexas.

Estes elementos relaciónanse da seguinte maneira:

As competencias básicas apréndense e se adquiren mediante a realización de actividades, porque só teñen sentido na acción e o alumnado aprende mediante a práctica.

Os criterios de avaliación, son os que marcan o que se debe conseguir no alumnado mediante as actividades. Por iso, foi moi importante o último apartado da tarefa, no que tivemos que pensar e buscar unha actividade complexa que garantirase que o alumnado conseguira o que se cita no criterio.

Finalmente, aprendín que todos os contidos do currículum son iguais, dende 1º ata 6º de primaria. O único que cambia e o nivel de profundidade e de desenvolvemento das competencias, que o indican os criterios de avaliación. É dicir, a diferenza radica nos criterios, que é o que indica como se debe traballar.

A pesar de que aprendín moitas cousas que antes descoñecía por completo, cabe dicir que aínda necesitaría practicar máis e que sería preciso levar a cabo máis actividades deste tipo, xa que a min custoume moito levala a práctica e establecer correctamente as relacións oportunas.

Non obstante, a partir de agora terei máis en conta os criterios de avaliación, que só os empregaba para citalos no apartado de avaliación das unidades didácticas que tiven de deseñar. A verdade é que son moito máis importantes do que eu pensaba, xa que é o que establece como debemos traballar e o que debemos conseguir nos cativos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario