viernes, 15 de noviembre de 2013

O traballo por proxectos

O traballo por proxectos é un traballo formativo cunha participación moi activa por parte do alumnado e que adoita partir de experiencias desencadeantes. 

A través dos proxectos, o profesorado pode axudar a que os alumnos e as alumnas se fagan preguntas sobre cuestións profesionais e da materia que estudan, permitíndolles establecer relacións coa realidade e deseñar os seus propios mecanismos de traballo e aprendizaxe.

O que se fai mediante a realización dos proxectos, é pasar do coñecemento atomizado ó coñecemento relacional, no que o alumnado pode relacionar os seus coñecementos para que teñan sentido e adquiran aprendizaxes significativas.

O obxectivo é que o alumnado aprenda a aprender (non que aprenda por sí mesmo) e, para iso, o profesor ou profesora debe ser un mediador deses aprendizaxes, para que deste xeito o alumnado aprenda progresivamente.

O proxecto parte dun centro de interese que pode ser propiciado polo alumnado ou, pola contra, introducido  polo profesorado a través de algo que suscite a curiosidade e motivación dos estudantes (unha mascota de clase para os máis pequenos por exemplo).

Dicir que o proxecto parte dos intereses do alumnado, quere dicir que ten que ver coas súas propias experiencias e que o que se traballa está relacionado con problemas reais.

Para traballar por proxectos hai que planificar moito aínda que non o pareza. Antes de comezar a traballar é preciso que o profesorado realice investigacións e que se documente sobre os contidos do proxecto que se vai levar a cabo.
Para iso é necesario elaborar un guión que debe ser flexible para adaptarse ás necesidades e ritmos dos pequenos.

En canto a temporalización, o proxecto non ten un tempo preciso de duración, senón que pode durar o tempo que sexa preciso (unha hora, un día, unha semana, un mes, ou incluso un ano). 
O proxecto remata cando deixa de funcionar porque o alumnado perde o interés polo tema. Por iso é preciso e importante manter motivado aos estudantes ou senón traballar sobre outro tema que teña máis éxito.

As fases dos proxectos son:

Fase de preparación na que se realizan os primeiros elementos que conducen a definir o proxecto:

  • Introdución do proxecto.
  • Estudo das ideas previas. 
  • Elaboración dun guión.

Fase de desenvolvemento na que se pon en práctica o proxecto coas actividades e tarefas deseñadas conxuntamente:

  • Consulta de fontes.
  • Tratamento da información.
  • Avaliación integrada.

Fase de valoración na que se valora globalmente o desenvolvemento e os resultados do proxecto e onde se realizan propostas de mellora e suxestións de novos proxectos:

  • Avaliación final conxunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario