lunes, 25 de noviembre de 2013

Práctica laboratorio

Hoxe fixemos durante as clases dos grupos B, cunha mestra xubilada que veu como colaboradora, unha práctica de laboratorio. 

Nela, fixemos a  fabricación artesá de xabón  que se correspondería coa actividade práctica do proxecto que leva o mesmo nome.

  • Como elaboramos os xabóns?
Para facer o xabón, a profesora mandounos un aviso con antelación para que levásemos aceite usado.
O material que empregamos foi o seguinte:

          - Un vaso de precipitados de 250 ml.
          - Unha variña de vidro.
          - 30 ml de auga.
          - 30 ml de aceite.
          - 5 gramos de sosa cáustica (pódese empregar tamén potasa).
          - Luvas.
          - Lentes de seguridade.

O procedemento que levamos a cabo para realizar o xabón foi:

En primeiro lugar pesamos a sosa cunha báscula dixital e empregando un vidro de reloxo o máis rapidamente que poidamos para evitar a carbonatación. A carbonatación é un proceso químico mediante o cal se forma carbonato cálcico insoluble, e polo tanto no poderiamos disolver a sosa na agua para facer o xabón (de aí que teñamos que facer este proceso de xeito rápido).

Despois botamos a sosa cáustica (recibe o nome de caústica porque queima) nun vaso de precipitados e a auga e remexemos coa variña. Neste paso, a sosa vaise disolvendo coa auga lentamente a medida que esta se quenta debido a unha reacción exotérmica, é dicir, prodúcese a liberación de enerxía en forma de calor.

Logo se engade o aceite aos poucos sen parar de remexer coa variña no mesmo sentido. Este proceso dura unha hora aproximadamente, ata que obteñamos unha pasta consistente.

A continuación, botámoslle colonia e plantas diversas para aromatizalo e colorante para darlle color.

Finalmente, escollemos o molde coa forma que máis nos gustou e vertemos a pasta sobre el.

Semanas máis tarde fomos ó laboratorio e o resultado que obtivemos dos nosos xabóns foi o seguinte:

Ningún deles estaba totalmente sólido, senón que tiñan unha consistencia xelatinosa. Ademais, ningún dos tres xabóns do grupo de traballo quedou coa cor que parecía ter cando o fixemos nun principio.
Isto pode deberse a que non fixemos ben as medidas, a que non remexemos o tempo suficiente ou a que non estivo en repouso o tempo que precisaba.

  • Que fixemos durante a clase?
En primeiro lugar e antes de comezar coa fabricación do xabón, realizamos un cuestionario KPSI para valorar 9 aspectos tendo en conta as seguintes posibilidades:
          - 1= non sei nada.
          - 2= escoitei falar sobre iso.
          - 3= sei dicir algo sobre iso.
          - 4= podo dar unha conferencia sobre iso.

Logo de facer cada un o seu KPSI, fixemos unha posta en común do que puxemos e os resultados foron os que se presentan na táboa seguinte:


Tras a realización do KPSI, a profesora estivo explicando que existen aceites con graxas tanto de orixe animal, vexetal ou incluso mineral (como o aceite dos coches por exemplo, que se obtén do petróleo).

Explicounos tamén que antigamente, en lugar de produtos químicos como a sosa, empregábase álcalis (cinzas de plantas) para elaborar xabón. Así, os elementos alcalinos da táboa periódica reciben ese nome porque se atopan nas cinzas das plantas. Dos elementos da táboa periódica, os que dan lugar o xabón son o sodio -> NaOH (en alemán= Natrium) e o potasio -> KOH (en latín= kalium).

Finalmente e tras a explicación destes conceptos, precedemos por grupos, coa fabricación do xabón.


  • Reflexións.
Esta actividade tiña como finalidade non só o feito de elaborar xabón, senón levar a cabo o procedemento que nos levaría a tal elaboración, xa que o que realmente importa é o proceso e non o resultado porque aprendemos mediante a práctica.

Deste xeito, puidemos levar a cabo a actividade que se correspondería co traballo por proxecto que comezamos nas clases teóricas sobre a fabricación artesanal de xabón.

En canto ós resultados dos xabóns, algúns quedaron sólidos e outros líquidos. Isto débese a que os que empregaron potasa en lugar de sosa para a súa fabricación, obtiveron un xabón líquido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario