Como indica o currículum de Educación Primaria, nesta etapa educativa deberán utilizarse dúas estratexias
metodolóxicas básicas: o desenvolvemento en espiral e a globalización.
A globalización enténdese como un enfoque da realidade cunha forma diferente de pensar, actuar e concibir o mundo. O mundo actual do século XXI é diferente e está en constante cambio. Hoxe e cada vez máis, os nenos e nenas socialízanse recibindo a influencia multicultural deste mundo globalizado no que estamos inmersos a través dos medios de comunicación e das novas tecnoloxías. En definitiva, o entorno cultural do alumnado é o mundo.
Este concepto traballámolo esta semana durante as clases de tipo B no laboratorio a través dunha explicación con power point e mediante a realización da actividade 4 de analizar os relatos propostos sobre o mar.
A globalización en educación presenta as seguintes concepcións. Non obstante, o enfoque globalizador non implica un método concreto.
- Sumatorio de contidos: nesta concepción o tema a tratar é unha escusa para traballar o que se desexa.
- Interdisciplinariedade: no que cada área achega ó tema aquilo que se relaciona con el. Non obstante, interdisciplinariedade non significa que se traballen todas as áreas, xa que non é necesario.
- Coñecemento relacional: as actividades xorden da realidade.
A continuación presento o esquema que fixo a mestra no taboleiro para sintetizar dúas das tres concepcións e que deste xeito, quedasen os conceptos máis claros.
Para traballar de xeito globalizado é esencial partir das ideas e coñecementos previos do alumnado, das súas motivacións, intereses, etc, para establecer a acción docente. É dicir, se non hai avaliación inicial (por exemplo realizar unha asemblea como avaliación diagnóstica para detectar as ideas previas) non hai globalización.
Ademais, o alumnado non percibe o mundo dividido en áreas, senón de xeito global. Así, para que un proxecto sexa globalizado, débese traballar un tema conxuntamente sen ter en conta as aportacións individuais de cada área, porque as áreas non son o obxectivo do proceso de ensinanza- aprendizaxe, senón que a finalidade é que os alumnos e alumnas saiban coñecer e interpretar a realidade.
- Características da globalización:
Ao globalizar preténdese que as novas aprendizaxes se incorporen á estrutura cognitiva, enriquecendo as posibilidades de explicar e comprender o mundo, establecendo relacións entre o que se aprende. Para iso, o esencial é desenvolver competencias e capacidades. Non obstante, a globalización non se basa en sumar materias arredor dun tema nin elixir temas nos que tódalas áreas acheguen os seus contidos, pois non é necesario, como xa se mencionou anteriormente, traballar todas as áreas.
A globalización ten como obxectivo falarnos da realidade sen necesidade de simplificala e de como son as cousas de verdade(complexas, unitarias e compostas de múltiples aspectos interrelacionados), pero as áreas non nos din como son esas cousas. Só ofrecen instrumentos, medios e recursos para chegar ao seu coñecemento.
Os contidos están incluídos nun marco amplo e integrados en ámbitos de interpretación e de significatividade superiores aos que ofrece a área ou a disciplina. Estes contidos non se relacionan de maneira arbitraria, senón con relaciones fondas e funcionais para dar resposta a problemas concretos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario