lunes, 30 de septiembre de 2013

Actividade 1: Carpeta de aprendizaxe

Hoxe a profesora explicounos que debiamos elaborar cada un de nós, obrigatoria e individualmente, unha carpeta de aprendizaxe da materia. 

A carpeta de aprendizaxe, tamén recibe o nome cartafol ou portfolio, aínda que o primeiro termo é o que se axusta máis a súa definición xa que é a súa finalidade máis salientable.

Pódese definir como un retrato evolutivo do proceso de aprendizaxe dunha persoa. É unha estratexia que inclúe os coñecementos, os pensamentos e as reflexións da alumna ou do alumno sobre os seus propios procesos de aprendizaxe. É unha avaliación cualitativa que serve para explicar o que aconteceu ao longo do curso escolar (Adaptación de Ferrándiz, López Martínez & Prieto, 2001).

A carpeta de aprendizaxe serve ademais para a autoaprendizaxe e para a evolución da mesma. Deste xeito, o/a docente da materia poderá seguir a evolución de cada un dos alumnos e alumnas mediante a observación da mesma.

Para iso, o portfolio debe conter reflexións sobre as aprendizaxes, é dicir, débese responder a preguntas como as seguintes:
  • Que aprendemos?
  • Que nos falta por aprender?
  • Que dúbidas temos?
Deben figurar tamén as actividades ou tarefas complexas que se realicen ó longo do período escolar, comentarios sobre as mesmas, conclusións propias de cada un dos estudantes, aspectos interesantes relacionados coa materia, reflexión sobre as competencias que se están ou non a desenvolver coa realización das actividades propostas, engadir algunha achega sé é preciso e sempre xustificándoa co seu comentario pertinente, etc. Ademais, as anotacións e cambios que se realicen no portfolio durante o proceso, débense facer con outra cor e para iso, eu empregarei a cor azul.

Segundo Bolivar (2009), a carpeta de aprendizaxe non se trata dunha colección de traballos realizados nin pode ser tampouco uns simples apuntamentos de clase, senón que, como se  mencionou anteriormente, débese ir "anotando o que se fixo durante a clase, no traballo autónomo e en grupo, con comentarios, anotacións e achegas propias, xustificando as competencias adquiridas, e citando correctamente a bibliografía utilizada.
É unha historia do traballo da persoa, do seu progreso, das súas dúbidas, da súa evolución, do que pensa e do que sente nun proceso de autorreflexión e autoavaliación".

Para a realización da miña carpeta de aprendizaxe elaborei este blog en blogger. A miña elección débese a que considero que neste formato podo organizar mellor os contidos do meu portfolio. Ademais, tamén estamos elaborando outro portfolio na materia de Lingua Francesa e a súa didáctica con este mesmo formato e creo que funciona moi ben e que é máis vistoso. 

Con todo, elaborei unha serie de etiquetas que están dispostas na parte superior do blog, xusto debaixo do título e onde categorizo as entradas en varios grupos segundo pertenzan a:
  • Actividades.
  • Avaliación.
  • Competencias.
  • Globalización.
  • Traballo por proxectos.
Desta forma, é moito máis sinxelo localizar os contidos, pois están todos agrupados por categorías.

As competencias que se adquiren elaborando a carpeta de aprendizaxe son a iniciativa e autonomía persoal, xa que cada un de nós é responsable de realizala segundo o seu ritmo de traballo e as súas necesidades; e a competencia de aprender a aprender, xa que reflexionamos sobre os nosas propias aprendizaxes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario